Os membros da Asociación de Medios en Galego (AMEGA) denuncian a desidia da Xunta para coa defensa do uso do galego no eido da comunicación ante a pasividade das administracións públicas.
O goberno de Núñez Feijóo obvia o artigo 5 do Estatuto de Autonomía que recolle que “os poderes públicos de Galicia garantizarán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en todos as ordes da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”. Esta Xunta está máis interesada en favorecer os intereses dos grandes grupos mediáticos que de defender os medios en galego, a pesar de que os medios tradicionais están sufrindo unha grave crise con despidos masivos e unha gran perda de audiencia.
No pasado 2014, os medios que utilizan o castelán levaron 9 veces máis axudas na orde de axudas institucionas que os medios que usan o galego. A Xunta destinou 1.675.000 para os xornais dos grandes grupos de comunicación, mentres que repartíu algo menos de 182.000 entre os xornais integramente en galego por utilizar esta lingua. Os grandes grupos de comunicación foron beneficiados con centos de miles de euros esixíndoselles como único requisito un 6% dos seus contidos en galego.
Precisamente, a finais do pasado mes de xaneiro, a Secretaría Xeral de Medios facía públicas unhas novas bases da convocatoria de Axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego (https://sede.xunta.es/detalle-procedemento codCons=PR&codProc=858A&procedemento=PR858A). Estas axudas están destinadas a publicacións impresas, sen que se teña posto en marcha até a data convocatoria ningunha para medios dixitais. Por outra banda, esta convocatoria vén sufrindo recortes constantes nos últimos anos, con reducións da dotación orzamentaria sospeitosamente similares en contía ás axudas que percibían medios xa desaparecidos.
Por outra banda, os convenios para a promoción da lingua galega acaban recaendo sempre nas mesmas grandes editoras, con certas dúbidas sobre a súa legalide, pois algunhas das publicacións subvencionadas non cumpren sequera con ese mínimo do 6% da información en lingua galega.
Outro dos puntos que chama a atención é a exclusión dos medios de comunicación en galego das constantes campañas publicitarias institucionais. Campañas polas que a Xunta inxecta aos grandes grupos millonarias cantidades de diñeiro en conceptos variopintos de publicidade e propaganda. Por iso, a AMEGA levou ao Parlamento Galego unha Proposición de Lei de Publicidade Institucional. No texto que propoñemos para esta Lei -que contou co apoio do PSdeG, BNG e AGE (apoiarona os tres) e que será sometida á toma en consideración no pleno do Parlamento de Galicia do martes 24 de febreiro- recóllese precisamente a prohibición dos convenios pola súa evidente arbitrariedade e a reserva dunha parte do orzamento das campañas publicitarias para medios en galego.
Por todo isto, AMEGA esixe a necesaria transparencia no reparto de axudas aos medios de comunicación, así como as campañas publicitarias institucionais, así como que as axudas á promoción do galego recalen, na súa xusta medida, nos medios que fan do galego a nosa identidade.
A Asociación de Medios en Galego, que segue en proceso de crecemento, a día de hoxe, chega a uns 300.000 galegos e galegas a través dos seguintes medios: A Nova Peneira, A Voz de Vilalba, Crónica 3 — xornal dixital da Mariña Lucense, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza Pública, Quepasanacosta.com — xornal dixital da Costa da Morte, Radiofusión — rede de emisoras municipais galegas, Sermos Galiza, Tempos Novos, Terra Cha Xa e Valminor.info.